viernes, 9 de septiembre de 2016

Moción presentada no Consello Escolar Municipal para unha nova Zonificación Escolar en Vigo



ANTECEDENTES

O IES Alexandre Bóveda está preparado e dotado para atender a cinco liñas educativas. Este é o número de liñas que albergaba ata o curso pasado e o número de liñas que, dado o espazo físico e material determinado polas súas instalacións, pode atender de xeito adecuado.

A Xefatura Territorial dita Resolución o 5 de febreiro de 2015 pola que ordena un cambio no reparto da adscrición. Antes de producirse esta modificación, o IES Alexandre Bóveda tiña 3 centros adscritos (CEIP Seis do Nadal, CEIP Balaídos e CEIP Pintor Laxeiro) que enchían, xunto cos/coas repetidores/as que puidese haber, un total de 5 grupos que nutrían as 5 liñas do centro. Como consecuencia do cambio na adscrición, na actualidade o IES ten 5 centros adscritos (CEIP Seis do Nadal, CEIP Balaídos, CEIP Alfonso R. Castelao, CEIP Illas Cíes e CEIP Virxe do Rocío), que neste curso deu orixe, xunto cos/coas repetidores/as, a 6 grupos de 1º de ESO.

O Consello Escolar Municipal de Vigo (CEMV) o pasado 19 de xaneiro de 2015 emitiu un dictame no que no seu punto 7 advirte que esta situación se produciría, xa que trasladaba a sobrecarga do IES Álvaro Cunqueiro ao IES Alexandre Bóveda, ademais do previsible aumento de poboación en Navia, que a Administración non prevía.

A día de hoxe, os centros de primaria adscritos ao IES Alexandre Bóveda suman 7 grupos de 6º de primaria, ao que se suman os/as repetidores/as, polo que a demanda de escolarización será de 7 ou 8 grupos. Por esta razón, a ANPA do IES Alexandre Bóveda e as ANPAS dos CEIPs adscritos ao mesmo asinan un manifesto común no que reclaman unha educación pública de calidade, non masificada e que dea resposta ás necesidades do alumnado e das familias, respectando así o seu dereito fundamental á educación.

TEXTO:

Polo exposto, FOANPAS, propón que se adopten os seguintes acordos:

Primeiro.- Que se faga un seguimento e unha revisión de se a nova adscrición, que prexudica ao IES Alexandre Bóveda, afecta de igual xeito a todos os centros de secundaria que puidesen verse implicados.

Segundo.- Que unha vez obtidos os datos que permitan valorar se a adscrición é acertada ou non, no caso de non selo prantexar canto antes a súa modificación.

Terceiro.- Que se apoie á comunidade educativa do IES Alexandre Bóveda na súa reivindicación diante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Galicia.