Estimadas familias:
O problema da zonificación está a pasar por uns momentos complicados e a administración educativa non está a aplicar un criterio único para esta cuestión senón que está parcheando a situación, neste intre temos o exemplo dos colexios adscritos o IES Alexandre Bóveda.
O IES Alexandre Bóveda está preparado e dotado para atender a cinco liñas educativas. Este é o número de liñas que albergaba ata o curso pasado e o número de liñas que, dado o espazo físico e material determinado polas súas instalacións, pode atender de xeito adecuado.
A Xefatura Territorial dita Resolución o 5 de febreiro de 2015 pola que ordena un cambio no reparto da adscrición. Antes de producirse esta modificación, o IES Alexandre Bóveda tiña 3 centros adscritos (CEIP Seis do Nadal, CEIP Balaídos e CEIP Pintor Laxeiro) que enchían, xunto cos/coas repetidores/as que puidese haber, un total de 5 grupos que nutrían as 5 liñas do centro. Como consecuencia do cambio na adscrición, na actualidade o IES ten 5 centros adscritos (CEIP Seis do Nadal, CEIP Balaídos, CEIP Alfonso R. Castelao, CEIP Illas Cíes e CEIP Virxe do Rocío), que no anterior curso deu orixe, xunto cos/coas repetidores/as, a 6 grupos de 1º de ESO.
Por o anteriormente dito queremos unha zonificación digna para os nosos fillos, baseada no criterio de proximidade, que non teñan que pasar un proceso de baremación e ter a garantía de estar escolarizados nun IES dentro do entorno de residencia, polo cal os animamos a participar o vindeiro día 12 de setembro ás 19:00 na manifestación por unha nova zonificación en Vigo, baseada no criterio de cercanía, que sairá dende o CEIP Balaídos e o día 15 de setembro ás 19:00 na cadea humana e muralla de libros que terá lugar no IES Santa Irene.
Un cordial saúdo,
FOANPAS.
La Voz de Galicia
Faro de Vigo
Vigo al Minuto