martes, 5 de julio de 2016

Solicitude á Consellería de Educación dun estudo para unha nova zonificación escolar en Vigo

Onte no pleno Municipal de Vigo solicitouse á Consellería de Educación que inicie un estudo para unha nova zonificación escolar en Vigo.

O que expúxose no pleno foi o seguinte:


Hoxe diríxome a vostedes representando a moitas familias; a un número cada vez máis numeroso e a unhas familias cada vez máis indignadas, familias representadas por ANPAs, ANPAs unidas pola súa Federación.

Resumo moi brevemente a crónica da nosa indignación, para que poidan comprender o porqué da nosa intervención hoxe aquí, neste pleno.

Foi decisión das autoridades en materia de educación, hai xa algúns anos, eliminar o Ensino Secundario Obrigatorio nun dos centros nos que se impartía. Tomaron esta decisión nunha zona escolar desta cidade en expansión demográfica e tomárona coñecendo que o resto dos centros de Secundaria da zona estaban xa coas súas aulas repletas de alumnado. Cunha decisión semellante, sen ofrecer máis alternativa de oferta de ensino público… non é evidente, aos ollos de calquera, o que vai acontecer?

Tomada esta decisión, trasladan en primeiro lugar toda a escolarización do centro pechado a un dos centros de secundaria da zona. Esperan a que este centro se masifique ata estoupar e, despois deste feito, deciden modificar a adscrición, volvendo a repartir a mesma demanda crecente entre os catro centros que xa non daban no momento inicial cabida suficiente. Así trasladan o problema de novo, a un novo centro. Era evidente que este centro se masificaría ata estoupar tamén, pero esa evidencia tampouco foi tal para a Administración.

Aquí comeza o plante das familias, que se posicionan para facer unha doble petición. Por unha banda, para cursos vindeiros, estudo que leve á revisión e modificación da adscrición (única solución posible ao problema de escolarización existente). Por outra banda, para o proceso de admisión neste curso, baremación (tal e como recolle a normativa vixente), dado que a demanda de postos escolares supera a oferta (evidencia matemática que ano tras ano segue sen ser tal para a Administración).

Ter que pedir a baremación entre os adscritos, desde as propias familias, é moi difícil, porque todos os nenos e nenas terían que ter a súa praza garantida no seu centro de adscrición. A baremación entre os adscritos é, sen dúbida, unha consecuencia dun traballo mal feito. Un traballo mal feito que ninguén corrixe; un traballo mal feito que se deixa perdure ao longo do tempo. E que somentes é evidente para nós?

Neste mes de marzo, as Autoridades Educativas comprometéronse verbalmente a modificar a adscrición nun futuro e autorizaron a baremación entre os adscritos. Pero, días despois, prodúcese un cambio na decisión, orientado a permitir que os solicitantes de un dos centros adscritos (concretamente o CEIP Castelao, sito en Navia) trasladen a súa solicitude, xa fóra de prazo, a un dos centros limítrofes (concretamente ao IES Valadares). E acompañando este cambio de parecer, cométense ao noso entender varias irregularidades entre as que destacamos hoxe, aquí, somentes unha:

Comprométese a adscrición futura, anunciando, públicamente, ás familias de Navia, que o seu Centro estará adscrito ao de Valadares o próximo curso. Sabemos que a Xefatura Territorial ten potestade para decidir sobre esta cuestión, pero tal e como establece a normativa vixente, ten que facelo “… oídos os consellos escolares municipais e a xunta provincial de directoras/é, e tras informe da inspección educativa…”.
Esta nova é, por tanto, para nós, repentina, arbitraria, irregular e pouco razoable (a distancia entre eses dous centros é de mais de 10 kilómetros), e da un xiro inesperado á nosa reflexión. Propuxémonos entón analizar a situación dos centros e da adscrición actual, tentando entender os posibles motivos dunha decisión semellante. Froito dese análise, reflectido nun mapa, chaman a nosa atención dous feitos:

En primeiro lugar, non parece que o criterio que subxace tras a adscrición sexa, nalgúns casos, a maior proximidade posible. Como se explica que nenos e nenas asistan a un centro de secundaria que está tres veces máis lonxe que outro no que tamén terían praza?

En segundo lugar, na zona á que nos referimos, na que a oferta de postos escolares públicos non cubre a demanda, dous centros de secundaria poderían albergar máis liñas educativas das que ofrecen se repatisen o seu espazo de xeito distinto. Como se explica que nenos e nenas teñan que desprazarse mais de 10 kilómetros e non se abran esas liñas da ESO que se poderían ofertar?, por que se abren nestes centros máis liñas de bacharelato que de Educación Secundaria Obrigatoria?

A resposta a estes interrogantes chega de mans da Administración Educativa e multiplica a nosa indignación. Desde a Xefatura Territorial, deixáronsenos claras as seguintes cuestións:
En primeiro lugar, que o transporte é intocable. Evidentemente, hai respectar a legalidade e os contratos de transporte establecidos, tal e como se nos indicou pero…, hai que manter un contrato que xa non é adecuado a perpetuidade?, poden as empresas de transporte marcar os horarios e a organización dos centros públicos? En definitiva, as liñas contrátanse ao servizo das necesidades reais de transporte ou é ao revés?

En segundo lugar, se nos aclara que as familias teñen dereito a elixir o centro no que estudan os seus fillos e fillas e que debe defenderse tamén a calidade no ensino. Esta é a razón que explica, segundo as nosas autoridades, que nunha zona escolar na que a oferta de postos escolares da ESO é insuficiente para atender á demanda, existan dous centros que non abren as liñas da ESO que poderían albergar e atender porque reservan o seu espazo e as súas aulas para atender as necesidades de bacharelato de todo o alumnado que provén do ensino concertado. É dicir, hipotecan e blindan o seu espazo para as necesidades futuras do ensino concertado.

Así se nos traslada o argumento: “os pobres que optan por centros concertados, con todo o seu dereito, logo non terán diñeiro suficiente para pagar o bacharelato nos mesmos centros. Por iso hai que reservarlles unha praza de bacharelato o máis preto posible”.

A idea está clara. Pero, para conseguir isto, os que optan por centros públicos han de trasladarse da súa zona xa no ensino obrigatorio, sen esperar ao bacharelato. Xa non terán na ESO praza o mais preto posible. Parece que a procura dos dereitos e a calidade non é a mesma, neste caso, se falamos dos que optan polo ensino público. Esta prioridade implica, aínda por riba, un custo maior á Administración, posto que ten que sufragar o transporte de todo o alumnado na ESO, non así no bacharelato.

Resulta incrible ter que solicitar ás institucións públicas que non ataquen o público. É vergoñento decatarse de que isto acontece.

A revisión da adscrición é o noso obxectivo. Pedimos que se analicen os datos (capacidade dos Centros, poboación e transporte) e que, en función deles, se adscriba cun único criterio: a maior proximidade posible ao lugar de procedencia. Sinalamos tamén que a adscrición debe ter certa vocación de permanencia, tendo en conta os trastornos que carrexa a unha familia que os seus fillos non asistan a clase no mesmo centro (situación da que xa somos testemuñas nos últimos anos).


Chegados a este punto da nosa intervención, este Pleno Municipal entenderá que facemos hoxe aquí: dirixímonos ao órgano de máxima representación política da cidadanía e pedímoslle que, como tal, encabece a nosa petición e inste as Autoridades en materia de Educación a revisar e modificar a adscrición nesta cidade. Pedímoslle a este Pleno que se asegure de que esa revisión teña lugar antes do próximo proceso de admisión de alumnado. Pedímoslle a este Pleno que se preocupe de que esa modificación sexa froito dun estudo, no que non se antepoñan os intereses das empresas de transporte por riba dos intereses das familias e no que non se antepoñan os intereses do ensino concertado por riba dos do ensino público. E agradecemos moito a ocasión que nos teñen brindado para facer esta petición. Moitas grazas!